Cartel Atardecer no Gaiás 2020

Atardecer no Gaiás 2020

Velaquí unha nova edición de Atardecer no Gaiás! Urxía pórlle música aos solpores do verán, aínda que esteamos nun estío diferente. Por iso, o ciclo de concertos de balde ao aire libre da Cidade da Cultura adáptase nesta ocasión ao que esixe ‘a nova normalidade’; formatos máis pequenos reducindo a capacidade de asistencia para gozar desta experiencia coa seguridade de que se están a cumprir as medidas sanitarias de protección e de distancia social.

No entanto, isto non vai impedir escoitar ao vivo todos os xoves ao caer o sol a mellor música da escena galega nun amplo repertorio de estilos, no que non faltará popjazzsoulflamenco, indie, tradi ou incluso trap con Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío.

Programa

Xoves 9 de xullo

Fon Román
O ex guitarrista e compositor de Los Piratas volve á escena tras oito anos de pausa para presentar o seu fermoso e persoal álbum en solitario “La chispa, la llama y el humo”, onde se amosa a corazón aberto. Un disco minimalista cunha ollada serena, arroupada pola súas coidadas guitarras, mesturadas con outros ritmos. Toda unha boa nova este regreso imprescindible.

Xoves 16 de xullo

Verto
O dúo compostelán ten pouco tempo de vida, pero o suficiente para que o trap retranquiero de “Oie gayego” se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify. Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit, ao repertorio de temas íntimos ou máis ao carón da actualidade. Aire fresco na escena musical galega.

Xoves 23 de xullo

Xoana
Unha voz poderosa coma unha diva soul e versátil coma unha estrela pop é a mellor definición para a súa carta de presentación. Súmase a este envoltorio letras reivindicativas, ás que a cantante viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e calidade do seu rexistro. Imperdoable non tela escoitado aínda.

Xoves 6 de agosto

Guadi Galego
Unha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto e continuou con Espido e Nordestin@s ata comezar a súa carreira en solitario, tamén ateigada de éxitos. No Gaiás poderase gozar das reinterpretacións dos temas da súa carreira nas sete linguas peninsulares, ‘Inmersión’, todo un canto á diversidade.

Xoves 13 de agosto

Quinteno Nós
Formación liderada por Marcos Teira, virtuoso guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que actuou por todos os recunchos do planeta. No Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock xunto a Moisés Fernández, ao caixón; Alejandro Vargas, ao piano; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salaar, no baile.

Xoves 20 de agosto

dani
Cantante e compositora nada en Vigo fai 22 anos no seu dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales. No seu repertorio recolle un legado que vai de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Beach Boys a Oasis ou de Noew Order a Joe Crepúsculo.

Xoves 27 de agosto

Budiño
Vén presentar o seu último traballo, “Fulgor”. Nel racha con seis anos de silencio dándolle protagonismo a súa voz – tras anos como músico virtuoso da gaita e da frauta – e cun disco indie. No Gaiás seremos testemuñas da súa reinvención, a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo. Un renacer ben interesante.

Xoves 3 de setembro

Son Trío
A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello únense para facermos viaxar pola música clásica, jazz ou folk nun repertorio en galego no que, ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.

Data

23 Xul 2020 - 03 Set 2020
Caducado!

Hora

21:00

Custo

Gratis

Máis Información

Ler máis

Etiquetas

Música indie,
Música jazz,
Música pop,
Música tradicional

Localización

Santiago - Cidade da Cultura
Monte Gaiás s/n, 15707, Santiago de Compostela
Categoría

O Tempo

Overcast
16 °C
Vento: 8 KPH
Humidade: 1 %
Visibilidade: 16 KM
X
Código QR

Deixa un comentario

X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!