Serán’02. II Encontro galego de cultura popular: Bandas de música

As bandas de música serán as grandes protagonistas do Serán’02. II Encontro Galego de Cultura Popular: Bandas de Música. O evento, promovido pola Xunta de Galicia para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, volve á Cidade da Cultura de Galicia no vindeiro mes de xuño tras o éxito da súa primeira entrega, que dedicada ao baile e á música tradicional congregou no Gaiás máis de 7000 persoas.

Baixo a dirección artística de Quique Peón, o Serán’02 terá lugar o 28, 29 e 30 de xuño e incluirá concertos de bandas tanto galegas como de fóra de Galicia, así como de agrupacións infantís. Talleres para a cativada, master classes, obradoiros de baile, conferencias, unha exposicións de instrumentos antigos e un gran baile na Praza Central do Gaiás completarán o programa desta nova entrega que se desenvolverá en distintos espazos do complexo, incluíndo o Auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro, que se encontra a punto de rematar as súas obras.

Serán. Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular. A primeira edición do encontro, celebrada en xuño de 2018, estivo especialmente centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Así, ata un milleiro de bailadores e bailadoras de todas as idades, acompañados de artistas consolidados do folk galego actuaron no Gaiás durante os tres días que acolleu o Serán’01, con nomes de primeira orde como Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía, que compartiron espazo e escenario con numerosas agrupacións do noso folclore tradicional.

X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!