Non podo deixar de ter unha sensación agridulce cada vez que vexo un cartel de “Entradas esgotadas” ou “Aforo completo” nestes últimos meses.
Por unha banda penso, xenial!, a cultura está a ter demanda, a xente quere e necesita sentir e gozar os espectáculos en vivo! A pesar das mascarillas, a pesar do distanciamento social, o público acude e enche os lugares nos que teñen lugar as actuacións, con sentidiño, con precaución, sen perigo. As probas están aí, a cultura é segura porque a xente que a consume é responsable.
Sen embargo, esa sensación de que a cultura está a ter unha gran demanda non é máis que iso, unha sensación. Cando entras nun teatro, nun auditorio ou acudes a un espazo con aforo controlado miras ao teu redor e daste conta de que en realidade está moi lonxe de estar cheo. Isto afecta ao público, pero entendo que moito máis aos artistas que desde enriba do escenario teñen que lidiar non so cos rostros anónimos case carentes de expresións (cousa que me parece durísima para eles), se non cun falso aforo completo que contrasta con esa ilusión de ver colgado o cartel de “completo” antes de comezar a función.
E é que se o pensamos ben isto nunca foi así, ou polo menos eu non recordo que houbese tantas entradas esgotadas de forma tan continuada e é difícil crer que nesta situación haxa máis público do que había en circunstancias normais. Obviamente a causa de todo isto está clara: unha redución nos aforos drástica e ás veces incluso ridícula na que en espazos de 1000 butacas so se permiten 60 espectadores. E entón penso: realmente é para alegrarse que se esgotaran as entradas? Ou é para entristecerse porque significa que probablemente máis xente acudiría e non pode por unhas normas absurdas? Realmente estase quedando xente sen poder gozar dos espectáculos? Canta xente? Difícil sabelo.
Penso que nestes tempos difíciles é agradable (e necesario) ver o lado positivo das cousas. E un aforo completo (ainda que limitado) é un aforo completo, que en definitiva significa que á xente sigue necesitando os espectáculos a pesar de todo, porque a cultura é segura, porque a cultura forma parte de nós, porque sen cultura non hai futuro.