Sétima entrega do boletín do Fondo Teatral María Casares, onde descubrimos recursos relacionados cos títeres tradicionais (Morreu o demo, acabouse a peseta con realización da Asociación Cultural Morreu o demo, co teatro afeccionado (Vinte obras de teatro afeccionado de Pepe Peinó con prólogo de Manuel Lourenzo e Ilustracións de Pepe Blanco, coa mecánica da carne do poder (105 PASOS o la mecánica de la carne de Pedro Fresneda con prólogo de Julio Fernández Peláez) e coa obsolescencia programada (O Fim do Fim de Joâo García Miguel).
Morreu o demo, acabouse a peseta
Urco editora. Realización: Asociación Cultural Morreu o demo (GALEGO)
Morreu o demo, acabouse a peseta era a frase coa que remataban os espectáculos do último títere tradicional galego. O seu nome Barriga Verde, resoa aínda na memoria de moitas persoas, mais o boneco e as formas daquel espectáculo corren o risco de caer no esquecemento.
Para evitalo distintas iniciativas procedentes dos eidos do audiovisual, do teatro e da investigación únense no Proxecto Barriga Verde co que recuperar o patrimonio titiriteiro galego e poñelo en relación cos estirpe europea dos Polichinelas.
Este libro-DVD é un primeiro achegamento a este mundo, onde os textos complementan as imaxes do documental no que Barriga Verde e os seus parentes europeos cobran vida.

Vinte obras de teatro afeccionado de Pepe Peinó (Prólogo de Manuel Lourenzo, Ilustracións de Pepe Blanco)
Edita Olelibros.com (GALEGO)

Durante 15 anos e en diversos grupos teatrais, o autor fixo teatro por diversas zonas da provincia de Lugo e o occidente asturiano. Fixo teatro como actor, representando sobre os escenarios unha chea de obras, e tamén como autor, escribindo comedias para os grupos Raiolas, A Maseira, Trípode, e o Grupo de Teatro do Instituto de Ensino Secundario Alfoz-Valadouro, no que é profesor de Ciencias Sociais.
O teatro que se presenta neste libro é teatro afeccionado, xeralmente cómico, aínda que non exento de mensaxe. Obras de teatro afeccionado, que é a mellor forma de definilas, pero nese adxectivo de afeccionado –manifesta Peinó- non debe verse un ton despectivo, porque o teatro afeccionado é unha forma de teatro máis, diferente ao teatro profesional, pero non inferior.
Nos seus textos abundan os vulgarismos e os castelanismos, porque está dirixido a un público que, aínda que non sexa unha linguaxe académica, fala e enténdese así.
O libro ofrece 20 obras desta modalidade de teatro, todas comedias, todas representadas en público (algunhas en decenas de ocasións) e moi coñecidas polos concellos da Mariña Lucense, onde principalmente se ofreceron.
En cada unha das 20 obras, atópase unha breve historia de cómo xurdiu o texto, a descrición dos personaxes e as indicación dos decorados.
Obras: Coidadiño no Camiño; A verdadeira historia de Parvo de Cela; Alí vén o teu pai; Os paramandruscos azuis; Revolución no ximnasio; A máquina do tempo; A apidemia; A pedreira; O Inimigo Público Número 1; Bruxas, vampiros, trasgos e fantasmas; O príncipe debe casar; Cursiño antimachista; Asasinato na tenda de roupa; Ladronzuelos no belén; Non volvas, Salustio, non volvas; Cousas de vellos; A caixa de Pandoriña; Diñeiro negro; Deusas; O caldeiro Máxico.
Teatro para ler e para representar por outros grupos de teatro amador .
105 PASOS o la mecánica de la carne de Pedro Fresneda (Prólogo de Julio Fernández Peláez)
Ediciones Invasoras 2019 (CASTELÁN)
Mediante unha estrutura fragmentaria e un discurso directo no que se deixa entrever unha clara intención por establecer un diálogo cos espectadores, Pedro Fresneda da forma a este texto, un dos primeiros do autor, que -como a maioría da súa produción- está profundamente ligado ao traballo da Compañía Teatro Ensalle de Vigo.
105 pasos é un texto poético, con intención política de denunciar desde a escena, a irracionalidade da mecánica da carne do poder e a súa capacidade para producir sufrimento sen que ninguén poida evitalo.
105 pasos o la mecánica de la carne estreouse en Teatro Ensalle de Vigo o día 11 de abril de 2008 cos intérpretes e creadores Raquel Hernández e Artús Rei. A dirección e iluminación foron de Pedro Fresneda.
Outros textos do autor: La última fila, La maleza, Miniaturas, Imprudentemente deseé, No deberíamos salir nunca de aquí, Las calles corrían por las calles, Después de Camarina y Arar.

O Fim do Fim de Joâo García Miguel
Coleçao Trace 2019 (PORTUGUÉS/INGLÉS)

O texto forma parte dun proxecto da Asociación Cultural Alma d´Arame e a Compañía Joâo García Miguel. A idea inicial do proxecto é de Amândio Anástasio.
Em o Fim do Fim, Amândio Anastácio e João Garcia Miguel misturan as súas capacidades. O tema é unha tensión indefinida entre dous mundos. O mundo que temos e esoutro que soñamos. En tempos inventamos as linguaxes que nos axudaron a construir o mundo e que agora deixaron de servir. Porque nos impiden mudar. Porque nos aprisionan, limitan os sentidos transformándonos en “informadores” e non en creadores. Coartan o noso sentir, o pensar e o actuar.
Cada día que pasa matamos o espazo común que hoxe se confunde con as redes. As nosas queridas redes son os instrumentos criados por nós os informadores que nos transformamos en victimas felices dunha liberdade agrilloada.
A idea inicial era unha peza sobre o fin premeditado dos obxectos a que se chama obsolescencia programada, unha morte prevista para os obxectos. Aos poucos, sutilmente inducidos para consumir, tornámonos, tamén en obxectos obsolescentes. O fin de todas as cousas é aceptar con alegría que imos ter sempre un obxecto novo e un recomezo.
O texto -que no libro está completo mais que non foi representado na súa totalidade- da voz á vida aprendendo a dicir adeus. As cousas están a mudar. Hai correntes subterráneas que nos empurran. Somos cans que parecemos homes como escribiu Cervantes? pregunta unha personaxe. Somos fillos e froitos de experiencias algorítmicas de empresas innovadoras. Estamos a perder palabras. Cada día un pouco máis. Está todo a modificarse radicalmente. Auuuuuuuh! Temos que aprender a modificarnos tamén. Sentímonos cada vez mellor nesta vida de can….
A estrea -obxectivo fundamental do proxecto- foi o 4 e 5 de outubro de 2019 no Cine teatro Curvo Semedo – Montemor-o- Novo.
Compañía Joâo Garcia Miguel: www.joaogarciamiguel.com
Alma D´Arame-Associaçao Cultural: www.almadarame.pt