Publicar o número 3 deste Boletín Informativo nestes días de confinamento nas nosas casas debido a pandemia do Coronavirus, é un xeito de resistencia, de afirmación da vida e de esperanza.
Algún día, que non está lonxe, poderemos de novo visitar o Fondo Teatral María Casares (FTMC) da Biblioteca Pública de Cangas para ler e representar xuntos TEATRO!
Nesta ocasión comentamos as pezas Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela de Manuel María, Sueño de una noche de verano de William Shakespeare (adaptación de Aurora Díaz Plaja), Sin vergüenzas / Sen vergonzas de Felipe Loza e Garbiñe Losada ( tradución de Heitor Mera) e Práctica del teatro para niños de Claude Vallon.
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela Manuel María
Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) (Galego)
Manuel María, é un autor monfortino que ten unha produción dramática ben cumprida con máis de vinte obras escritas.
Os 9 personaxes: Espiña de Toxo, Folla de Carballo, Garda, Xuíz, Alcalde, Recaudador, O crego, Carceleiro e Espíritu do Monte poden ser representados por títeres ou actores.
Nesta peza breve, dirixida á infancia e que foi e segue a ser moi representada nos colexios, contase a historia dunha espiña nomeada Berenguela que ven sendo un canto á liberdade do individuo, unha denuncia do autoritarismo e o abuso do poder e tamén a defensa contra a discriminación do diferente. E todo contado sen perder ese ton idóneo para o público infantil.
A edición que comentamos foi publicada pola Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) e apareceu por vez primeira como libro en 1981 con ilustracións de Pepe Barro.
Máis información na web: http://portaldaspalabras.gal/historia-dunha-espinha-de-toxo-chamada-berenguela
Sueño de una noche de verano William Shakespeare (adaptación Aurora Díaz Plaja)
Editorial La Galera. Colección Teatro Juego de Equipo. (Castelán)
Existen moitas adaptacións das obras de Shakespeare dirixidas á infancia e a mocidade mais esta é quizais unha das máis orixinais e neste caso conta cunha magnífica adaptación para levar ao teatro por nenas e nenos de Primaria.
Nesta peza hai catro accións ben diferenciadas ou por mellor dicilo hai represéntanse catro comedias nunha soa. A primeira é o drama real da rapaza a quen o seu pai quere obrigar a casar cun home do que non está namorada. Paralelamente a este problema sentimental, hai unha segunda intriga: a dos personaxes fantásticos da Noite e os eus enredos. Nun terceiro plano un grupo de artesáns cheos de entusiasmo queren representar unha peza teatral como agasallo ao seu señor e para rematar,unha cuarto plano dramático que é a propia obra que poñen en escena este grupo de artesáns.
Recomendámola como un moi divertido xogo teatral. Polo demais ofrece a ocasión de elaborar un amplo reparto entre as rapazas e rapaces pois no conxunto suman máis de dezaoito, entre personaxes reais e personaxes fantásticos. No libro hai tamén algunhas indicacións para a música e para o vestiario.
Aproveitamos a ocasión para recomendar outra adaptación desta xenial comedia de Shakespeare, agora para adolescentes. Trátase de PU(n)K de Juan Luís Mira.
Sin vergüenzas Felipe Loza e Garbiñe Losada
Editorial Artez Blai (Castelán)
Sen vergonzas F.Loza e G. Losada. Tradución de Heitor Mera. Revista Galega de Teatro nº 47.
Se as dúas obras anteriores están dirixidas para a infancia a que imos comentar agora vai dirixida á mocidade. Esta peza, na súa tradución ao galego, foi levada a escena en diferentes ocasións polo Grupo de Teatro do IES de Rodeira de Cangas en 2005 e participou na IX Mostra de Teatro de Ensino Secundario (MOTESMO).
En clave de comedia e de humor esta obra fala “sen vergonzas”, dos afectos e dos medos, dos complexos, do sida, da homosexualidade, dos anticonceptivos, do sexo…
É un monólogo contado a moitas voces, un traballo coral. Non hai un fío narrativo, só unha sucesión de escenas ligadas entre si que serven para plasmar as situacións individuais e colectivas que rodean á mocidade no terreo da sexualidade.
Un texto fresco, directo, natural preto á linguaxe dos xoves.
Práctica del teatro para niños Claude Vallon
Editorial Ceac (Castelán)
Este libro vai dirixido a profesoras e profesores preocupados por unha escola que tente manter á infancia nun estado de admiración e curiosidade permanente .… Para aproximarse a esta proposta de admiración, asombro e sorpresa, as vías de creación teatral ofrecen camiños e perspectiva óptimas, capaces de colaborar na afervoada tarefa de desenvolver a personalidade infantil.
Este libro procura situar ás nenas e aos nenos ante o fenómeno teatral como expresión liberadora aportando o material necesario para a práctica do xogo dramático cuxa esencia creativa xorde da propia infancia.