Que é Mundo Escénico?
Mundo Escénico é unha plataforma dixital aberta que nace co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesible o mundo das Artes Escénicas en Galicia. A comunidade de Mundo Escénico conecta a artistas, xestores/as culturais, profesionais das artes escénicas e espectadores buscando que:
- Os/as artistas teñan un lugar onde divulgar os seus espectáculos e recibir un feedback directo.
- Os/as programadores/as culturais dispoñan dun completo directorio de grupos e espectáculos e ferramentas para deseñar a súa axenda.
- Os profesionais das artes escénicas podan ofrecer os seus servizos á comunidade.
- Os/as espectadores/as conten cunha completa axenda cultural e valoracións dos espectáculos.
Mundo Escénico participou en diferentes eventos para darse a coñecer e difundir o traballo que se está a realizar:
- Pont Up Store 2019 (iniciativa para visibilizar proxectos de emprendedores)
- Culturgal 2019
- XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
- 36ª MIT Ribadavia
- I Congreso Internacional de Teatro Galego
Mundo Escénico naceu formando parte do terceiro programa de emprendemento Go2Work, un espazo de coworking que promoven a Deputación de Pontevedra e a EOI. Dentro programa, un equipo de expertos en creación de startups colaborou con Mundo Escénico para impulsar esta plataforma social que pretende fomentar a cultura escénica en Galicia.
Documentación
O equipo
Fundador e xerente

Daniel Amós é natural de Moaña (Pontevedra) e a súa paixón polas Artes Escénicas, e en particular polo teatro, levouno a converterse nun dos membros fundadores da asociación moañesa Teatro Avresno, agrupación onde actuou e tamén dirixiu varias obras. Tamén formou parte de Teatro Xerigonza na Universidade de Vigo, compaxinando a actividade en ambas agrupacións teatrais durante varios anos. Aparte do teatro, tamén se empapou durante varios anos do folclore tradicional como parte dunha asociación folclórica-cultural en baile galego, algo que lle fixo ver o grande valor e riqueza que ten esta disciplina e tamén a necesidade de impulsar a súa divulgación para dala a coñecer aproveitando as novas tecnoloxías. No tocante á súa formación académica, Daniel estudiou Enxeñería de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, chegando a doutorarse no 2015, mentres traballaba como investigador no Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia. Esta formación complementa a súa faceta artística cunha faceta máis tecnolóxica, o que lle permite xestionar e evolucionar esta comunidade online galega das Artes Escénicas.
Perfil de LinkedIn
Comunicación e marketing dixital

Daniel Amós aparte de fundar Mundo Escénico, como todo bo emprendedor autodidacta, non deixou de formarse en tódalas disciplinas do “apaixoante” mundo do marketing dixital, incluíndo: posicionamento SEO, estratexias SEM, marketing de redes (Facebook, Instragram, Twitter, Linked In), marketing de contidos… Con todos estes coñecementos está a pór en marcha diferentes campañas para dar a coñecer a plataforma en toda Galiza. Actualmente está a traballar en automatizar unha gran parte do traballo de difusión en redes para que os grupos, compañías e bandas que forman parte de Mundo Escénico se poidan beneficiar gañando máis visibilidade con mínimo esforzo.
Perfil de LinkedIn
Colaboradores
Consello editorial erregueté, creador e director de teatro

Antón Lamapereira foi membro cooperativo e cofundador da Escola Dramática Galega no 1975. Foi fundador e director durante 30 anos da Revista Galega de Teatro (erregueté) e actualmente é presidente do seu consello editorial. Creador e director de teatro en varios centros de ensino secundario, membro da comisión organizadora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), confundador da Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO), creador xunto a Manuel Vieites da Aula de teatro de Pontevedra e a Escola de Expresión Dramática Kalandraka e na actualidade forma parte dos grupos de teatro amador Velaíña de Pontevedra e Teatro Aberto de Cangas. Antón aporta a súa experiencia para que Mundo Escénico difunda recursos de interese para as Artes Escénicas.
Perfil de LinkedIn
Xestión, produción e distribución de espectáculos e festivais de danza

Manu Lago ten un Máster en Xestión Cultural pola UOC-UdG-UIB. É licenciado en Historia da Arte pola USC e Técnico Superior en Artes Plásticas na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. Actualmente Manu forma parte do equipo de producción de Sólodos En Danza, Pisando Ovos, Corpo(a)terra e outras compañías de danza na plataforma Galicia Danza Contemporánea. Ademáis é responsable da creación e xestión do Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia. Manu colabora con Mundo Escénico para visibilizar as compañías de danza galegas e dar a coñecer a súa traxectoria e actividade.
Perfil de LinkedIn
Xestora e Coordinadora de Eventos Culturais

Sara Loureiro ten un Grado en Arte Dramático, Interpretación Textual pola Escola de Arte Dramático de Galicia (ESADg) e conta cun Máster en dirección, guión, interpretación e historia do cine pola Central de Cine e Madrid e un Máster en Servizos Culturais, Formación en creación e xestión de proxectos, Comunicación e Marketing cultural pola USC. Sara traballou como monitora de teatro para Marexada, como asistente de coordinación e rexistro no MARCO de Vigo e fixo prácticas como coordinadora de cultura no Concello de Moaña. Sara achega a Mundo Escénico unha visión artística vinculada a unha perspectiva de xestión cultural para que a plataforma conecte da mellor forma posible a tódolos axentes do sector das artes escénicas e musicais.
Perfil de LinkedIn