FTMC – Boletín #6

Nesta entrega do boletín presentamos recursos nos idiomas galego, castelán, francés e portugués, mostra da diversidade que se pode atopar dentro do fondo. En particular, falamos de A casa de Grey Gardens de Manuel Roman (tradución ao galego de Antela Cid), Tadeusz KANTOR – Photographies de Caroline Rose, Fiestacultura, revista especializada en teatro de calle y fiesta (verán 2020 nº 83) e Aquilo que os olhos vêem ou Adamastor de Manuel António Pina.

A casa de Grey Gardens de Manuel Roman (Tradución ao galego de Antela Cid)

Edicións propias, Santiago de Compostela 2016 (Galego)

Portada de A Casa de Grey, de Manuel Roman
Portada de A Casa de Grey, de Manuel Roman

Esta peza, que leva tamén como título A Casa do Xardín Gris, está baseada na historia real de Edith e Edi Bouvier, a tía e a prima carnal  de Jackie Kennedy Onasis. Esta historia, que se deu a coñecer en 1975  cando os irmáns Maysles rodaron  un documental sobre a súa vida, tivo unha grande repercusión pública debido  á calidade artística da cinta e á desmitificación da idílica figura de Jackie Kennedy.    

Texto dramático para dúas actrices. Edith, a nai, cantante profesional na súa mocidade e con aspiracións aristocráticas mercou unha mansión nomeada  “Grey Gardens” que non pode manter despois do seu divorcio. Vive alí recluída desde hai moitos anos lembrando vellas cancións acompañada polos seus gatos e a súa filla, Edi, coa que mantén unha relación de amor-odio.

A filla, ex modelo e artista multifacética que deixou a vida de sociedade en New York para coidar a súa  nai en Grey Gardens, vestia e combinaba  a roupa de tal xeito que chegou a ser un símbolo  vintage influindo en diseñadores  como John Galliano ou Philip Lim.

Como dúas mulleres, sen saír da súa casa,  conseguen ter tanto influxo? Porque sen dúbida estamos a falar de dous seres humanos cheos de sinceridade e contradicións. Reais como a vida mesma tanto que cando  Manuel Román viu    o documental na programación do Play-Doc de Tui en 2013 quedou fascinado pola historia e quixo escribir esta peza que vos convidamos a ler no FTMC e  que quizais alguén se anime a representala.

Tadeusz KANTOR – Photographies de Caroline Rose

Miroirs Editions (Francés)

Este volume, cun magnifico deseño gráfico, reproduce fotografías de Caroline Rose quen seguiu a obra do autor e director polaco Tadeus Kantor (1915-1990)  durante quince anos por diferentes festivais de teatro europeos.

Os espectáculos fotografados son seis, os máis representativos da súa creación coa troupe Cricot 2:  A clase morta (1975);  Onde están as neves de antano(1979)Wielepole, Wielepole (1980); Que rebenten os artistas (1985); Nunca máis volverei aquí (1988) e Hoxé é meu anivesario (1991).

Cada fotografía é memoria que  “garda” a pegada da arte de Kantor, un artista total  que pensa coas imaxes e que en vez de pintura no escenario utiliza  aos actores e o atrezzo.

O teatro é algo fuxidío e Caroline Rose semella compracer os desexos dos espectador ao que en moitas ocasións gustaríalle  parar por un momento o ritmo da representación para gozar aínda máis das imaxes do escenario

 Ademais das fotografías, o libro contén diferentes textos de Kantor entre eles unha autobiografía e tamén unha ampla bibliografía.  

Portada de Kantor de Caroline Rose
Portada de Kantor de Caroline Rose

Fiestacultura: Revista especializada en teatro de calle y fiesta, verano 2020 nº 83

(Castelán)

Fiestacultura: Revista especializada en teatro de calle y fiesta, verano 2020 nº 83
Fiestacultura: Revista especializada en teatro de calle y fiesta, verano 2020 nº 83

Esta publicación, editada pola Compañía Xarxa Teatre de Vila-Real ( Valencia) e dirixida por Manuel V. Vilanova é  a única en España dedicada ás Artes de Rúa.

O editorial deste número de verán leva por título,como non podía ser doutro xeito, Después de la pandemia. Nel, entre outras ideas, apostase por unha resposta á crise que debe ser humanista, solidaria, decidida, valente e democrática. Unha resposta na que non se ignore a importancia social e ética da arte. E afirmando, máis en concreto, a necesidade que a  arte escénica retorne á rúa para reivindicar á dignidade humana.

Outras colaboracións son as fotografías de Rafa Marco documentando o baleiro e o silencio das rúas no confinamento en contraposición a outras cheas de festa e vida.      

O sumario complétase, entre outras colaboracións, cunha entrevista a Rosángeles Valls, fundadora da Compañía de Danza Teatro “Ananda Dansa”; un artigo de Jordi Bertrán sobre as Cofrades clandestinas na procesión  da Confraría “La Sangre”  da Semana Santa de Tarragona; unha reportaxe sobre a moi suxestiva experiencia ¡Vale la pena ser callejeras!  que agrupa a trece actrices de diferentes compañías de teatro de rúa de Bogotá. Para estas actrices á rúa é o escenario, o motivo e inspiración do seu traballo como mulleres e sempre nunha clave de colaboración recíproca.

Outro artigo a subliñar é o titulado La memoria llevada a la calle asinado por Sonia Alejo. Nel comenta a programación do  Memorial Democràtic de Vila-real que se desenvolve nesta cidade desde o ano 2014. Son 6 pezas de teatro documento de rúa e itinerante que se elaboraron cada ano a partir dun tema vertebrador en torno á Memoria Histórica. Este ano debido á crise sanitaria suspendeuse a ruta en abril e terá lugar, se é posible en novembro de 2020. O seu título Maletes de terra, peza teatral  itinerante sobre a Memoria Histórica a través da voz e do pel das mulleres de Vila-real.

Nestas Rutas participan tanto artistas e músicos profesionais como diversos colectivos cidadás. A documentación  de cada peza ven asesorada por diferentes organismos académicos.

www.fiestacultura.com

Aquilo que os olhos vêem ou Adamastor de Manuel António Pina (figurinos de Susanne Rösler)

Campo das Letras Editores, Porto (Portugués)

Comezamos con este boletín no 6, a mención periódica  dos libros e revistas de teatro en lingua portuguesa que forman parte  do FTMC. Como iremos mostrando en cada entrega  é unha presenza  abundante e variada debido  a intensa relación que mantén a erreguete- Revista Galega de Teatro coas diferentes estruturas teatrais do país veciño. 

Nesta ocasión presentamos un texto teatral de António Pina, un  recoñecido autor portugués de contos para a infancia e a mocidade que foi un asiduo autor colaborador da Compañía de Pé de Vento que levou a escena moitas das súas pezas. Esta en concreto foi representada en Febreiro/ Marzo de 1998 no Teatro da Vilarinha (Porto).

A historia é contada, a finais da primeira metade do século  XVI polo físico e astrólogo Mestre Joâo que regresa, vello e enfermo, a Portugal despois da súa longa estadía en Oriente. Nesta viaxe de regreso a nave recolleu a un náufrago, Manuel, quen narrou  unha historia fantástica e terrible. As fotografías que ilustran o texto son do espectáculo representado no Teatro da Vilarinha.

Portada de Aquilo que os olhos vêem ou Adamastor de Manuel António Pina
Portada de Aquilo que os olhos vêem ou Adamastor de Manuel António Pina

Deixa un comentario

X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!