Qué é o Fondo Teatral María Casares?
O Fondo Teatral María Casares (FTMC) é un fondo que recolle recursos bibliográficos no ámbito teatral e que nace como resultado dun convenio asinado no ano 1995 entre o Concello de Cangas, a Asociación Cultural Entre Bambalinas -editora da erregueté/Revista Galega de Teatro- e a compañía Teatro de Ningures.
Por qué o Fondo se chama María Casares?
A Asociación Cultural Entre Bambalinas quixo nomear así o FTMC en memoria e homenaxe á actriz María Casares (A Coruña 1922 – París 1996), quen ós 14 anos tivo que exiliarse en Francia debido ó golpe militar franquista de 1936. Era filla de Gloria Pérez e Santiago Casares Quiroga, ministro e xefe de goberno da II República.
Onde está localizado o Fondo?
O FTMC está integrado na Biblioteca Pública Central e Casa de Cultura de Cangas do Morrazo (Praza de San Xoán, 10) na provincia de Pontevedra.
Con cantos exemplares conta o Fondo?
O FTMC conta actualmente con arredor dun millar de volumes e revistas, que son unha base moi útil para todas as persoas interesadas polo feito teatral, sendo un depósito especializado en teatro único en Galicia. A relación de títulos dispoñibles pode consultarse no catálogo en liña da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia:
> Catálogo do Fondo Teatral María Casares
Que se pode atopar no Fondo Teatral?
No Fondo hai obras de teatro de autores clásicos e contemporáneos en galego, castelán e portugués para adultos e para a infancia e a mocidade. Libros de teoría e pedagoxía teatral, de historia do teatro, de técnicas interpretativas, de títeres, de danza, circo…
Pódese consultar tamén unha rica hemeroteca que conta , entre outras, coas revistas erregueté/Revista Galega de Teatro, Artez, Primer Acto, Revista ADE, Fiestacultura, Ambidextro, El Público, Pipirijaina…
O FTMC vai medrando periódicamente coas novas adquisicións tanto de libros como de revistas que van achegándose por adquisición ou agasallo de diferentes editoriais.
Que actividades xiran arredor do Fondo?
O FTMC organiza tamén exposicións e outras actividades, subministrando información sobre diversos acontecementos teatrais: cursos de teatro, festivais, certames, etc.