FTMC – Boletín #5

Aínda que o estado de alarma sanitaria polo Covid 19 segue vixente, nós “resistiremos” mantendo a periodicidade mensual informando sobre os libros e revistas de teatro que integran o Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas.

Nesta entrega falamos dos Cadernos da Escola de Imaxe e Son de A Coruña, da versión de Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso de Tagen Ata (de X.L. Méndez Ferrín), de En el hoyo de las agujas de José Luis Miranda e Recreo de Manuel Veiga, gañadora e finalista respectivamente dos Premios Lope de Vega de 1995 e Artez, la revista de las artes escénicas nº 233 (Marzo-Abril de 2020).

Cadernos da Escola de Imaxe e Son de A Coruña

(Galego)

Os dez títulos dos Cadernos da Escola de Imaxe e Son que presentamos foron doados para o FTMC pola dirección deste centro educativo de A Coruña. A colección estaba coordinada polo finado Gustavo Pernas Cora, profesor da Escola, dramaturgo e actor.

Son cadernos monográficos que coidamos de suma utilidade para calquera persoa interesada no traballo audiovisual ben sexa no guión, na animación 3D, iluminación, son, produción ou realización de audiovisuais e espectáculos. Especialidades, por certo, que son impartidas dentro do  Ciclo Superior no devandito centro.

Velaquí os títulos: O papeleo do guión (nº1) de Daniel Domínguez; A luz na narrativa cinematográfica (nº4)de Pepe Barba; Mirar sen ver: o subliminal (nº6) de Angel Cordero Gómez; Manuel para reporteiros (nº7) de Nacho Romero; 227 dúbidas sobre dereitos de imaxe e son (nº8) de Mónica Parada Gandos; O oficio de script (nº9) de Encarna Alonso e Carlos Amil; Profesións de cine (nº10) de César Fernández; O nacemento do espazo cinematográfico (nº11) de Carlos Amil; Animadores:Ilusionistas do movemento (nº12) de David Vázquez Santamaría e Un día de rodaxe (nº13)de Ana Monteagudo.

Cadernos da Escola de Imaxe e Son de A Coruña
Cadernos da Escola de Imaxe e Son de A Coruña

Tagen Ata de X.L. Méndez Ferrín (versión de Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso)

Edicións Positivas. Diteatro-7. (Galego)

Portada da obra Tagen Ata de X.L. Méndez Ferrín (versión de Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso)
Portada da obra Tagen Ata de X.L. Méndez Ferrín (versión de Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso)

Versión escénica da novela Retorno a Tagen Ata que foi publicada por vez primeira en 1971 por Edicións Castrelos na memorable colección o Moucho e que foi adaptada ao cinema en 1974 nunha cortametraxe de Eloy Lozano.

Esta versión teatral editada agora foi levada a escena en novembro de 1990 nunha coprodución entre a Cooperativa Teatro Caritel e Teatro do Noroeste coa dirección de Eduardo Alonso. Actuaron Imma António e Miguel Pernas que prologan arestora esta edición con suxestivas  lembranzas do que foron os ensaios e todo o proceso da montaxe.

….Que conta Tagen Ata? Unha das Histórias máis vellas sobre os grupos humanos e a súa identidade neste mundo, a loita pola liberación Nacional dun pobo colonizado e, porén, oprimido, e as voltas e reviravoltas que ese proceso conleva. Encontros e desencontros, lealdades e traizóns… Porque Tagen Ata é unha alegoría sobre Galiza,  responde Miguel Pernas.

Alén de publicar este texto, Edicións Positivas na súa colección Diteatro ten tamén os seguintes títulos : Doppelgängen de Paula Carballeira; Santa Bolaña 2018; Da avaricia, a luxuria e a morte de  Valle Inclán en versión de Manuel Guede; Polos camiños do tempo de Gustavo do Campo; Somos criminais de José Prieto, Xosé A. Touriñan, Carlos Blanco e Casa de bonecas de H. Ibsen, versión de Xoán Carlos Mejuto.

En el hoyo de las agujas de José Luis Miranda e Recreo de Manuel Veiga

Edición de Salomé Aguiar. Premios Lope de Vega nº 24. Publicaciones de la Asociación de Directores de Escena de España. (Castelán)

Na convocatoria da edición de 1995 dos Premios Lope de Vega, En el hoyo de las agujas de José Luis Miranda (1939) foi declarado gañador mentres que Recreo de Manuel Veiga (1964) resultou finalista. Pese a que os dous autores naceron con 25 anos de diferencia e chegaron á escrita teatral desde estéticas e sensibilidades moi diferentes, ámbalas dúas obras coinciden na súa temática principal: como enfrontan os seus protagonistas a soidade.

En el hoyo de las agujas conta a historia de María de Utrera, unha muller torero que se prepara na habitación dun hotel antes de sair á praza, mentres o seu amante e rival loita entre a vida e a morte por unha collida. Pola súa banda Recreo narra o rencontro de Narciso co seu Amigo Imaxinario e co seu amor segredo da adolescencia, Violeta Ferucci, no patio do instituto o día da festa dos ex alumnos.   

Os dous textos recollidos neste volumen constituen un bon espello da sociedade na que foron creados e seguen a ser identificables para o público do século XXI.

En el hoyo de las agujas de José Luis Miranda e Recreo de Manuel Veiga (Premios Lope de Vega)
En el hoyo de las agujas de José Luis Miranda e Recreo de Manuel Veiga (Premios Lope de Vega)

Artez, la revista de las artes escénicas. nº 233. Marzo-Abril 2020.

(Castelán)

Artez, la revista de las artes escénicas. nº 233. Marzo-Abril 2020
Artez, la revista de las artes escénicas. nº 233. Marzo-Abril 2020

Artez, revista bimensual, é unha das publicacións editadas en papel que da a máis ampla  información sobre a actividade escénica teatral no estado español. Ler, neste último número recibido, os espazos dedicados a informar sobre Festivais, estreas e espectáculos en xira durante os meses de marzo e abril, produce unha profunda sensación  de tristura e desacougo pois a pandemia arrasou con todo: VSingular.Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón; 31 Fira de Titelles de Lleida; XLIII Jornadas de Teatro de Eibar; dFeria XXVI Arte Eszenikoak. Artes Escénicas de San Sebastián; etc, etc, etc….

A revista, ademais da actualidade, vai mantendo unhas sección fixas: O editorial que asina Carlos Gil Zamora, director da publicación; Postales argentinas de Jorge Dubati; Luz negra de Josu Montero; Piedra de sacrificio de Jaime Chabaud e Vivir para contarlo de Virginia Imaz.

A revista Artez colabora co FTMC que arquiva a práctica totalidade dos números editados.

Para máis info: www.artezblai.com

Deixa un comentario

X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!