FTMC – Boletín #1

Comezamos este boletín do Fondo Teatral María Casares informando sobre algúns libros de teatro que poden interesar tanto ao profesorado de ensino primario como secundario.

Este boletín será un escaparate que convide  entrar no Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas. Alí poderanse descubrir moitos máis.

Este nº 1 do boletín -e outros que seguirán- estarán dedicados a libros de teatro para a infancia e a mocidade porque, xa o sabemos, todo agroma nestes primeiros anos da vida. E o TEATRO, así con letras maiúsculas, é un recurso pedagóxico fundamental.

Durante este ano 2020 a súa periodicidade será mensual -a última semana de cada mes- e despois de comentar os libros de teatro para a infancia e a mocidade, farémolo cos libros máis interesantes para profesionais e xente amadora do teatro.

No Fondo Teatral María Casares (FTMC) hai máis de mil libros e tamén revistas de teatro para todos os gustos!

Nesta ocasión tócalle a quenda a Acariñando os desexos de Xoán Carlos Riobó, Somos os monstros de Paula Carballeira, Fabulaciones en azul de Luis María García González e El juego dramático en la escuela. Fichas de ejercicios de Gérard Faure e Serge Lascar.

Acariñando os desexos Xoán Carlos Riobó

Fervenza Edicións (Galego)

Sinopse: Eli ten a primeira menstruación. Consciente do seu corpo, xa non quere ser unha nena. A nai envíaa a coidar da avoa, e polo camiño atópase con Mar, a súa mellor amiga. Eli vibra de vida. Experimenta sensacións que antes non percibía. Fala con Mar de desexos, de amor, de medos, de ilusións. Aparece Pucho, un rapaz que lle gusta e todas as fantasías vanse transformar nunha horrible realidade.  

Personaxes: Eli, Pucho, Mar, Cris, Nai, Pai.

A obra foi representada por primeira vez na XVIII Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO) e aínda que vai dirixida fundamentalmente á adolescentes e recomendable, tamén,  para público adulto.

Inclúe orientacións para a montaxe.

As ilustracións, moi suxestivas para unha posible escenografía, son da autoría de Julia Abal.

Acariñando os desexos de Xoán Carlos Riobó
“Acariñando os desexos” de Xoán Carlos Riobó

Somos os monstros Paula Carballeira

Xunta de Galicia, Xerais (Galego)

Somos os monstros de Paula Carballeira
“Somos os monstros” de Paula Carballeira

Sinopse: Unha nena e un neno pérdense cando saen a xogar no bosque arrasado polo último incendio. Un monstro grande e un mostro pequeno habitan nese bosque. Nenos e monstros vanse atopar. O medo dá paso á curiosidade e comezan a interrogarse. Quen son os nenos e quen os monstros?

Unha historia divertida e profunda sobre o medo ao descoñecido, que esculca na propia natureza humana, coa que a autora obtivo o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018.

Personaxes: Nena, Neno, Monstro Grande (feminino), Monstro Pequeno (masculino), Pai, Xente.

As ilustración son de Ignacio Hernández.

Recomendada de 1º a 4º de primaria.

Fabulaciones en azul Luis María García González

Ediciones de la Torre (Castelán)

Sinopse:  Animales e seres extraordinarios representan esta fantástica comedia na que os equívocos e os encontros fortuitos dan pe ao humor, nunha  busca incesante do lugar onde reina a ledicia e a beleza: Azul.

Nese camiño cara á utopía os protagonistas  non estarán sós… Conseguiremos chegar con eles?  

Personaxes: Gran Albatros, Lobezno Tristán, Gorriona Heterelénnea, Don Loborendo, Trío de Cabras, Señor Rui, Herr Undius, Perros Cazadores…

A posta en escena pode realizarse con técnica mixta onde monecos e actores convivan no escenario. A utilería e os elementos escenográficos poden substituirse con imaxinación: unha saba axitada é o mar, un ruído de tambores e caldeiros, unha treboada..

O texto inclúe unha partitura musical.

Recomendada para 5º e 6º de Primaria.

Fabulaciones en azul de Luis María García González
“Fabulaciones en azul” de Luis María García González

El juego dramático en la escuela. Fichas de ejercicios Gérard Faure e Serge Lascar

Editorial Cincel-Kapelusz (Castelán)

El juego dramático en la escuela. Fichas de ejercicios de Gérard Faure e Serge Lascar
“El juego dramático en la escuela. Fichas de ejercicios” de Gérard Faure e Serge Lascar

Consta de 76 fichas de exercicios, indicando en cada un deles os seus obxectivos, o desenvolvemento de actividades concretas, observacións e suxerencias.

Estas fichas axudan a traballar o esquema corporal, a relaxación,  a respiración,  o mimo, xogos dramáticos e de expresión.

As referencias bibliográficas son de sumo interés. 

Este libro é un valioso manual para o profesorado de Infantil e Primaria.

Deixa un comentario

X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!