Nesta segunda entrega do Boletín Informativo continuamos recomendando algúns libros de teatro dirixidos fundamentalmente ao profesorado de ensino primario e secundario que se poderán atopar nos andeis da Biblioteca Pública Central de Cangas onde está ubicado o FTMC.
Os libros comentados son O lobo e a lúa de Andrea Bayer Lloves, III Premio de Teatro Breve Testeatro e Me gusta hacer teatro 1 e 2 de Franco Passatore, Cristina Lastrego e FrancescoTesta
O lobo e a lúa Andrea Bayer Lloves (ilustracións de Chus Ferrín)
Axencia Galega das Industrias Culturais/Baía Edicións (Galego)
Obra gañadora do XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil) 2014.
Sinopse: Un lobo ouvéalle á lúa para que esperte. Ten algo moi importante que lle dicir. Dous animais pídenlle que cale. Temen que os ouveos esperten un gato rabudo que vive mesmo nese lugar. A insistencia do lobo fai que os animais fuxan buscando acubillo. Que quererá contarlle o lobo á lúa? Conseguirá o seu propósito sen que o gato esperte e o escorrente?
Personaxes: Lobo,Nina a tartaruga, Duarte o elefante, Rato Mariano, Gato Miñao, Lúa.
Técnica. A escenografía ben pode ser unha mesa inclinada cara ao público da que saen pezas que se levantan e que se recollen.
Os monicreques son de man, teñen diferentes tamaños e algúns son de vara.
III Premio de Teatro Breve Testeatro
(Galego)
A Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO) que vai celebrar esta próxima primavera- 27 ao 30 de abril- a súa XXIV edición, convoca o VI Premio de Teatro Breve Testeatro que tenta motivar ao alumnado de ESO e Bacharelato de toda Galicia para que escriba teatro breve.
Unha magnífica iniciativa que debe ser apoiada por toda a comunidade educativa e moi especialmente polos Departamentos de Lingua e Literatura Galega.
Aquí recollemos os 5 textos premiados na terceira edición que foron publicados no número 6 dos Cadernos Pedagóxicos que edita a Motesmo:
- Aventuras e desventuras na parróquia de San Cipriano de Nós de Noelia Rosales Crespo.
- As primeiras clases de baile de Ana Isabel Sabarís Rosales.
- O segredo da lagoa de María Navarro Martínez.
- Pim, pam, pum, fóra de Juan Molina Fernández.
- O lado dereito dos estantes de Irene Aldao Piñeiro.
Me gusta hacer teatro 1 e 2 Franco Passatore, Cristina Lastrego e Francesco Testa
Editorial Everest (Castelán)
Esta obra, que consta de dous volumes, é de sumo interés para monitoras e monitores de teatro que dirixan grupos integrados tanto por alumnado de Primaria coma de Secundaria. As súas suxerencias e propostas, polo demais, poden ser útiles tamén como recurso pedagóxico para traballar nas aulas fóra do grupo de teatro.
O primeiro volume trata dos diversos modos de comunicación a través do corpo e do xogo. Cadansúa páxina fomenta por medio de xogos, a capacidade que teñen as nenas e os nenos, para xogar, fantasear, improvisar, inventar fábulas e outras historias. Unha aptitude que desgraciadamente vaise perdendo cos anos e que desde logo por medio do teatro é posible reactivar.
O segundo volume recolle as instrucións necesarias para organizar unha representación: a dirección escénica, como construir os personaxes, a improvisación, etc.
Hai tamén dous posibles textos para representar, preferentemente por alumnas e alumnos de Primaria: La posada de Mantua, inspirada nos personaxes da Commedia dell´Arte e Jimena en el asedio del castillo.
Na primeira obra todo acontece nunha pousada de Mantua na que hai un ir e vir de moitos clientes e viaxeiros. Nesta pensión é onde se atopan todos os personaxes da comedia. Florindo, mozo veneciano vai perseguindo por toda Italia á fermosa Rosaura da que está moi enamorado. Os pais dos dous, Balanzón e Pantalón, opóñense ao seu matrimonio até que despois de varias marfalladas e enredos dan o seu consentimento para a boda.
Personaxes: Pantalón, Rosaura, Doutor Balanzón, Florindo, Briguela, Dianora, Arlequín, Trápola e Guardas.
Jimena en el asedio del castillo é un guión teatral adaptado do libro que leva o mesmo título da autoría de F. Testa e C. Lastrego editado tamén pola editorial Everest. Comparar o relato do libro e o texto teatral pode resultar interesante para comprobar como foron elaborados os diálogos en lugar das descricións e como a trama foi simplificada para mellor levala á escena. Velaquí como ademais de ser unha proposta concreta para representar é tamén un exemplo de como transformar un relato infantil nun guión teatral.
Trátase da historia de Jimena e os seus amigos o canciño Chicho, o cabaleiro Federico Corazón e a súa dona Alegría loitando contra os soldados do malvado barón Gualterio que invadíu e saqueou as terras dos campesiños. A intervención do dragón Tomasón permitirá facer prisioneiros ao barón e aos seus soldados…
Personaxes: Jimena, Chicho, Tomasón, Crispín, Federico Corazón, Alegría, Aldeanos, Gualterio, Verdugo e Soldados.
Unha última observación: para ámbalas dúas obras recóllense no libro notas moi prácticas para levar adiante a súa posta en escea.