Nova entrega do boletín do Fondo Teatral María Casares, o último que publicará Mundo Escénico, xa que a partir de agora será un dos impulsores do Fondo, a Revista Galega de Teatro, quen se encargará da publicación periódica de recursos do FTMC na súa web erreguete.gal. Neste oitavo boletín falamos da obra Rottweiler de Guillermo Heras (con tradución de Alexandra Moreira da Silva), de Música en escena de Tomás Marco, onde se tratan as relacións da música e o teatro en diferentes ámbitos, da publicación que homenaxea 25 anos de Sarabela Teatro (1980-2005) e da revista ADE, teatro (Revista de la Asociación de directores de escena de España).
Rottweiler de Guillermo Heras (tradução Alexandra Moreira da Silva)
Peças do Noroeste nº 1 (GALEGO/PORTUGUÉS)
Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana do Castelo retoma con esta publicación o proxecto de editar os textos que vaia levando á escena. Unha actividade editorial que dun xeito mais ou menos regular comezou en 1991.
Nesta ocasión o texto de Guillermo Heras, traducido ao portugués por Alexandra Moreira, corresponde á 139 montaxe de Teatro do Noroeste e foi estreada o 27 de marzo de 2019 no Teatro Municipal Sá de Miranda en Viana do Castelo coa Dramaturxia e Dirección de Ricardo Simôes e a Interpretación de Alexandre Calçada e Tiago Fernandes.
Rottweiler é unha reflexión a cerca da violencia e da súa manipulación nos medios de comunicación moi especialmente nos programas de televisión dirixidos a uns espectadores ansiosos de crueldade.
Unha obra que resulta plenamente actual.
Música en escena de Tomás Marco
Publicaciones de ADE. Serie Debate nº 27 (CASTELÁN)
Música en escena transita, a través da visión axustada e persoal de Tomás Marco, polas relacións da música e o teatro en diferentes ámbitos. O volume, dividido en tres seccións, recolle en primeiro lugar un conxunto de artigos con enfoques e tempos diversos -mais centrados sempre nesta temática- que o autor publicou desde 1987.
A segunda parte constitúe un percorrido polas súas creacións musicais para a escena, que engloban o teatro instrumental, a ópera, a zarzuela, o ballet e as representacións teatrais.
Por último baixo o título de “epílogo aberto”Marco reflexiona sobre a situación actual de ámbalas dúas disciplinas artísticas, a modo de prospección sobre o que tal vez poida ser o desenvolvemento dos seus vínculos nun inmediato presente e no porvir.
Sarabela Teatro, 25 anos (1980-2005)
(GALEGO)
Estamos en 2020. Sarabela Teatro leva 40 anos facendo teatro. Mais o FTMC garda a memoria viva dos seus primeiros vinte e cinco anos neste estimulante e fermoso libro ilustrado.
Nel falase de cales son as Sinais de Identidade, o Proxecto Común, a Formación e a Poética da Compañía e cal foi a súa traxectoria profesional con:
- Montaxes de Autores Estranxeiros: Madame de Sade de Mishima; As sillas de Ionesco; Xacobe e o seu amo, de Diderot.
- Novas Dramaturxias: Cama dous por dous para dous e Caricias de Belbel.
- Adaptación de Textos Narrativos: A esmorga de Eduardo Blanco Amor; O lapis de carpinteiro de Manuel Rivas; A conxura dos necios de John Kennedy Toole.
- Escrita Propia: Afección, Tics, Os soños de Caín de Carlos Couceiro, Ánxeles Cuña, Fernando Dacosta, Begoña Muñoz.
- Autores Universais: Sexismunda de Calderón e Así que pasen cinco anos de García Lorca.
- Teatro Infantil: Romance de Adhelala e Micomicón de Eduardo Blanco Amor; A illa amarela de Paloma Pedrero e A gata con botas de Ánxeles Cuña.
- E como remate O heroe de Manuel Rivas.
Outro dos capítulos do libro está dedicado a Aula de Teatro Universitario de Ourense e a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) dúas iniciativas máis levadas adiante por Sarabela Teatro.
Entre as colaboracións escritas subliñamos: Dramaturxia e compromiso de Begoña Muñoz Saa; No aniversario de Sarabela Teatro de Manuel F. Vieites e Un teatro profesional que aposta por non emigrar de Gustavo Luca de Tena.
En Anexos pódese consultar a Cronoloxía, os Premios e as Publicacións.
Ao cabo, un libro para ler, imaxinar, lembrar, reflexionar, gozar.
ADE, teatro. Revista de la Asociación de directores de escena de España
Nº 180 Abril-Junio 2020 (CASTELÁN)
Esta publicación, fundada en 1985 por Juan Antonio Hormigón e dirixida actualmente por Manuel F. Vieites, recolle neste número ademais de 2 Editoriais, información sobre os Premios ADE 2019 que concede a revista cada ano ás persoas que exercen diferentes oficios e tarefas relacionadas co teatro: Dirección Escénica, Labor Teatral , Premio de Honor Juan A. Hormigón, Xoves Directores Emerxentes, Escenografía, Figurinismo, Iluminación, Estudos Teatrais e Tradución Teatral. Amais inclúe unha entrevista coas persoas premiadas.
Outra sección está dedicada ás Novas Formas da Escena Europea, ofrecendo entre outros, artigos sobre as novas formas do teatro documental, a dramaturxia da videoescena, tendencias e directores no teatro polaco, as novas formas do teatro en Francia, en Grecia, en Berlín ou no Reino Unido.
O Texto Teatral é Brecha (Fenda) de Rodrigo Francisco. En Notas de Dirección escriben Agustín Iglesias sobre “ Libro de Buen Amor” e Etelvino Vázquez sobre “Valle Inclán y la condición humana: nuestro diptico de avaricia, lujuria y muerte”.
In Memoriam, escriben Guillermo Heras sobre Angel García Pintado e Mercé Saumell sobre Josep Maria Benet i Jornet.
Outras seccións: Libros, Axenda, Noticias de la Ade, Noticias Asociados.