A Quinta do Cuadrante

O empapelado amarelo

Data de estrea: 27/01/2019
Non se atoparon valoracións
Teatro

    O empapelado amarelo - A Quinta do Cuadrante

    Presentación

    O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman.

    Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

    O espectáculo utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época, privadas de todo tipo de voz pública e pechadas nun sistema que as facía plenamente dependentes dos seus esposos. Rebélase así, sen concesións, contra as convencións da época, apostando por unha radical liberación da muller do xugo masculino e unha defensa da necesidade de conformarse como suxeitos de pleno dereito, empoderándose de xeito absoluto.

    O empapelado amarelo é unha das mellores mostras da literatura feminista mundial do século XIX, que aínda hoxe é xerme de diversas interpretacións, revisións e novas lecturas por parte de artistas de todo o mundo, dado o seu carácter fundacional, onde a autora constrúe unha personaxe que representa un arquetipo contemporáneo da loita da muller por acadar a liberdade plena.

    Dende A Quinta do Cuadrante eliximos este relato como punto de partida para a creación dun espectáculo que dialogue, dende o noso século XXI, coas palabras de Charlotte Perkins Gilman, reflexionando escenicamente sobre a necesidade de continuar, case 150 anos despois da súa publicación, coa loita incesante pola nosa liberdade e a defensa da creatividade e da arte como elementos indispensables para a construción dunha personalidade completa. 

    Sinopse

    A muller protagonista, da que descoñecemos o nome, ten dentro de si unha chea de historias que desexa contar, e que lle bulen na cabeza con
    ansias, quizais utópicas, de transformar o mundo.

    Chegado un momento crúzase nesa vida dedicada á escritura un médico de prestixio que semella ser o seu complemento perfecto, aínda que ela endexamais tivo inclinación por amoldarse aos convencionalismos sociais con respecto á parella e a maternidade. Pouco a pouco vai cedendo terreo aos desexos dese home, casando e quedando grávida.

    Cando dá a luz á súa filla súmese nun estado depresivo motivado por un forte sentimento de perda de liberdade e de culpabilidade por non ser quen de atender á criatura que enxendrou. O seu marido decide que o mellor xeito de tratar o estado de extrema melancolía da súa muller é trasladarse con ela a unha casa no campo, afastada de todo tipo de contacto humano, prohibíndolle calquera tipo de estímulo intelectual, de xeito que poña freo ás súas fantasías e poida asumir a realidade que lle tocou vivir nese momento. Comeza así unha nova vida pechada nun ático onde ten como único estímulo as vistas dende a ventá e un horrible empapelado amarelo que cubre as paredes.

    Pouco a pouco ela comeza a establecer unha conexión co empapelado, obsesionándose con el e percibindo como as liñas do debuxo se van
    enlazando en labirintos que forman estraños seres que a fitan e que lle producen un sentimento de angustia. Ao presentarse como o seu único
    estímulo, pasa as horas ollando e fabulando con esas formas, ata que pouco a pouco comeza a observar como outra muller, tras a parede, vive
    pechada nese empapelado, loitando cada noite por liberarse. Esa sorte de pantasma, que ben podería ser a súa dobre e na que ela canaliza as
    súas obsesións, vai tendo máis presenza nos seus pensamentos. Con ela comparte desexos, historias e fantasías de liberación, mentres que a
    relación co seu marido e coa irmá deste se vai facendo máis distante. Co paso dos días empeza a sumirse nun estado no que busca a liberación a
    través da fascinación por ese empapelado, soñando con liberar á muller que vive presa nel. Cando chega o último día da súa reclusión nesa casa,
    ela decide levar a cabo o seu plan: arrinca coas súas mans o empapelado nun estado febril pero de extrema lucidez, acabando coa súa imaxe idílica
    de muller feble e ansiosa de coidados, en radical oposición ao fogar que para ela construíu o seu esposo.

    Ficha técnica/artística

    • Dramaturxia: Tito Asorey e Melania Cruz en base ao relato de Charlotte Perkins Gilman
    • Interpretación: Melania Cruz
    • Escenografía e Iluminación: Laura Iturralde
    • Espazo Sonoro: Xavier Bértolo
    • Instrumentistas: Macarena Montesinos, Elena Vázquez
    • Vestiario: Renata Uzal
    • Deseño Gráfico, Fotografía e Vídeo: Lucía Estévez
    • Deseño e Realización do Pop-Up: Francis Canales
    • Axudante de Dirección: Lucía Estévez
    • Dirección: Tito Asorey
    Duración: 60 minutos
    Idiomas: Galego
    Público: Adultos


    Próximas actuacións

    Non se atoparon eventos


    Mostrar actuacións pasadas

    Publicar unha valoración

    Debes iniciar sesión para enviar valoracións.


    Deixa un comentario

    X

    Únete á Comunidade!

    Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!