XVI Zona da Zanfona

Cartel XVI Zona da Zanfona

Zona da Zanfona é un festival arredor deste instrumento que celebra máis unha vez o seu encontro anual na ría de Arousa. Un evento único na Península Ibérica organizado por aCentral Folque e promovido desde o Concello de Rianxo que cumple dezaseis anos neste 2020. Acontece na primeira fin de semana do mes de xullo e esta edición terá unha programación especial para cumplir cos protocolos de sanidade, hixiene e distanciamento físico que a situación require mais que non desatenderá ás actividades fundamentais que sempre ofrece ao público local e ao público especializado de outros lugares. Músicos especialistas e público en xeral que buscan o solaz na escoita deste fabuloso instrumento. aCentral Folque leva vinte anos divulgando os seus sons e este encontro é a data sinalada no calendario anual. O ZdZ ofrece na vila mariñeira e literaria de Rianxo unha desculpa para vir e desfrutar de concertos, cursos e convivio arredor da zanfona.

A programación deste ano pivota sobre tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e actividades online (en inglés para audiencias non presenciais).

Os concertos atenden a un criterio de especialización (o virtuoso Efrén López e as músicas mediterráneas), popular (o repertorio tradicional galego do dúo Sobre Rodas e a dramaturxia de Os Monifates) e as novas expresións recreadas (trío É Romance sobre o romanceiro tradicional ibérico). Esta edición non contará co “Palco Aberto”, unha mostra das escolas de zanfona do país que o domingo amosaban diferentes músicas o que aprenden ao longo do curso. Os concertos son de entrada libre e este ano deben ser con reserva do billete previa ao concerto que ademais terá o aforo limitado e distancia física entre público dictaminada polos protocolos de seguridade sanitaria.

Os cursos de interpretación serán igualmente con prazas limitadas. Serán o de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio pois empresta a organización) e de especialización con Efrén López.

Este ano ademais hai unha novidade apaixoante neste ámbito. Será o curso de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal. Seguindo os planos disponibilizados en aberto por Jaap e Fay Brand do seu modelo denominado Nerdy Gurdy, a equipa do ZdZ coa axuda inestimábel de Suso Gestal, desenvolveu un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva a casa unha zanfona funcional canda a aprendizaxe do xeito de facela.

Outra novidade deste ano será o programa da ZdZ dixital: actividades de divulgación especializada para unha audiencia internacional emitidas por Internet. Será unha aula maxistral con Steve Tyler, zanfonista inglés de longa traxectoria artística e unha palestra sobre cordas históricas e modernas coa canadense Tobie Miller, intérprete especializada en repertorio barroco para zanfona.

O ZdZ continua tamén coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa terceira entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas aportacións dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Podes descargar os dous primeiros destes cancioneiros aquí.

Programa

Concertos ZdZ

VENRES 3 XULLO. Auditorio de Rianxo. 22.30h

  • Efrén López. Solo.
  • Sobre Rodas: Luís ‘Caruncho’ e Carlos do Viso

SÁBADO 4 XULLO. Auditorio de Rianxo. 22.30h

  • Os Monifates: Alberto Millán e José Nebra
  • é Romance: Alba María, Queco Díaz e Uxía Muíño

Os concertos serán de balde previa inscrición por correo electrónico.

Cursos ZdZ

  • Zanfona Iniciación con Óscar Fernández. Venres 3 xullo. 16-20h (emprestamos instrumento!)
  • Zanfona Avanzado con Efrén López. Sábado 4 xullo. 10-19h
  • Zanfona Construcción con Suso Gestal. Venres 3 e sábado 4 de xullo. 10-20h

Lugar: Auditorio de Rianxo

ZdZ dixital

DOMINGO 5 XULLO

  • Master class con Steve Tyler. 18-21h (UTC+2). Curso online (en inglés).
  • Palestra con Tobie Miller.”Cordas para zanfona: das históricas ás modernas” 16-17h (UTC+2). Conferencia online (en inglés).
X

Únete á Comunidade!

Inicia sesión ou rexístrate gratis para participar como espectador, artista, profesional ou xestor cultural!