O festival, organizado polo Concello de Moaña, terá lugar os días 25, 26 e 27 de xullo, e contará nesta edición co patrocinio de Mahou e da Deputación de Pontevedra.
O FIM comezará o xoves 25 de xullo ás 19.30 h. co desfile e posterior actuación dos grupos folclóricos de Moaña: Gaiteiros de Moaña, Acf Solaina Moaña, Breogán de Moaña, Moañesa de Música e Danza, Asociación Cultural e folclórica Charaviscas e a AFCX Meiramar-Axóuxeres.
O xoves 25 ás 22.30 h. subirá ao escenario Habelas Hainas, un exemplo do novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando, cada vez máis, o protagonismo que lexítimamente lles corresponde, inaugurando unha edición cunha alta presenza de artistas femininas. Será entón o turno da banda escocesa Talisk, Banda Folk do Ano 2017 nos BBC Alba Scots Trad Music Awards e o premio BBC Radio 2 Folk, entre outros galardóns.
O venres 26 de xullo ás 22.00 h. será o turno das tamén escocesas Kinnaris Quintet, que o pasado ano cautivaron ao público co lanzamento do seu álbum debut, Free One. A continuación actuarán Tanxugueiras, que con máis de 50 concertos no 2018 e unha importante xira tanto polo país como polo estranxeiro, xa son un referente da música tradicional galega.
O sábado 27 ás 22.00 h. Anxo Lorenzo, recentemente premiado como mellor artista nos Premios Opinión da música de raíz, presentará o seu novo álbum Vortex, un concerto con moitas sorpresas onde o gaiteiro moañés tamén fará un percorrido polos seus anteriores traballos discográficos. Pechará esta XXXV edición, Sharon Shannon, a revelación da música tradicional irlandesa dos últimos tempos: a que máis discos ten despachado codeándose nas listas de éxitos con fenómenos do pop e do rock e alzándose con todo tipo de galardóns para a súa música e a súa carreira.